NOVAS DE OUTONO (I) Outubro 16, 2009
Posted by admin in : Uncategorized , add a comment
NOVAS DE OUTONO
Porén do MAGOSTO a actualidade galega en Catalunya ten máis puntos de referencia. Periódicamente, en ERGACPRESS daremos conta do que aconteceu e acontecerá nestas terras catalás, entre os galegos e galegas.
Nova Edición dos Cursos de Lingua e Cultura
Ata o 11 de decembro permanece aberto o prazo para inscribirse na XXV edición dos Cursos de Lingua e Cultura 2009-2010, organizados pola UB e a Secretaría Xeral Política Lingüística da Xunta de Galicia. A matrícula é gratuíta e está aberta a calquera persoa maior de 17 anos sexa ou non estudante da Universitat de Barcelona. Os cursos de lingua galega serven de preparación para os exames do Certificado en Lingua Galega (CELGA) e están recoñecidos con 7,5 créditos de libre elección pola UB (agás estudantes de Filoloxía). Os cursos teñen unha duración de 75 horas e comezarán en xaneiro de 2010. Prazas Limitadas.

Ciclo de Cinema no Centro Galego de Barcelona
O Centro Galego de Barcelona (CGB) organiza o primeiro sábado de cada mes unha sesión de cinema galego, coa proxección dunha curta e dunha película longametraxe. As sesións comezaron o 10 de Outubro coa proxección de Cousas do Kulechov (2006) e A Atlántida (2005) e continúan o sábado 7 de novembro, con O prezo da dote (2002) e Entre Bateas (2002). A partir das seis e media da tarde. Máis información: http://www.cgb.cat
Volve Morriña!
O sábado 24 de Outubro volve un dos programas máis existosos da factoría ERGaC: Morriña. Da man, coma sempre, de Manolo Piñeiro e de novo en Radio Unión Catalunya, de novo a realidade galega terá un espazo onde expresarse e desfrutar falando das cousas do noso país. Para máis información, consulten este mesmo blog, onde teñen o taboleiro cos horarios dos programas de ERGaC. Como novidade, en Radio Unión Catalunya, será que no seu podcast poderemos escoitar, dende o noso ordenador, os programas de Morriña. Estaremos atentos!
O alcalde de Barcelona, Jordi Hereu, inaugura os xardíns de Tiberio Ávila
A cidade de Barcelona conta cunha nova figura galega no seu nomenclator, trala inauguración, o 3 de outubro, duns xardíns na memoria de Tiberio Ávila, un dos fundadores do Centro Galego de Barcelona. “Farmacéutico, pintor, xurista e político”. A placa en homenaxe a Tiberio Ávila que loce nos xardíns situados no distrito de Nou Barris, na parte alta de Fabra i Puig, recolle as múltiples facetas do intelectual, nacido en Viana do Bolo en 1843.

No acto público de descuberta da placa, o seu sobriño, Arístide Ávila, lembrou a “fulgurante” traxectoria de Tiberio Ávila: cursou estudos de Farmacia en Madrid, foi deputado por Valdeorras nas Cortes da I República, trasladouse á capital catalá para ocupar unha praza de profesor de anatomía na Escola de Belas Artes; e xa na cidade condal, continuou a súa carreira política, primeiro como deputado por Barcelona e logo como concelleiro no Ajuntament. Na inauguración participaron o alcalde de Barcelona, Jordi Hereu, a rexedora de Nou Barris, Carme Andrés, o presidente da Deputación de Lugo, Gómez Besteiro, que se atopaba na capital catalá coincidindo coa celebración do San Froilán, e o presidente do Centro Galego, Xosé Méndez, entre outros representantes das entidades galegas de Cataluña.
Este non é o único lugar de Barcelona que leva o nome dun galego ilustre. En Nou Barris, tamén están as prazas de Otero Pedrayo e Cunqueiro; en Horta, a praza Castelao; na Prosperitat, a vía Pablo Iglesias, e no Eixample, os xardíns María Luz Morales.
As voces de ERGaC, nos partidos de fútbol
Os locutores de ERGaC, Suso Mon e Silvio Falcón, están a retransmitir para Gol TV os partidos de liga do Deportivo da Coruña. Gol TV, propiedade de Mediapro (La Sexta), é unha cadea de pagamento que emite por TDT, especializada na retransmisión de partidos de fútbol.
O San Froilán celébrase en Nou Barris
Una ano máis, os veciños de Nou Barris gozaron do seu particular San Froilán, celebrado a canda a festa orixinal, en Lugo, por iniciativa do colectivo barcelonés Amigos de San Froilán. Cocedeiros de polbo, carpas para comensais e orquestra atraeron a numeroso público á praza maior, onde tamén se podían visitar dous stands de promoción turística do Xacobeo 2010 e da provincia luguesa.

Magosto 2009 Outubro 15, 2009
Posted by admin in : Magosto , 1 comment so farO Magosto que tradicionalmente se organiza na comunidade galega de Catalunya xa ten data, será o 7 DE NOVEMBRO deste ano 2009 e celebraráse no Merendeiro das Planes (liña S5 dos FGC).
Para poder asistir, hai que pagar a módica cantidade de 15€ (10€ máis se desexas ter a camisola do evento!).
PARA MÁIS INFORMACIÓN, DIRIXÍDEVOS AO CENTRO GALEGO DE BARCELONA (Rambla dels Caputxins, 35) E ALÍ PODEREDES RESERVAR A VOSA “COMIDA” DO MAGOSTO 2009.
Diada Nacional de Catalunya
Posted by admin in : Catalunya , add a commentPresenza Galega na manifestación da Diada de Catalunya 2009
(por Suso Mon)
No plano político a Diada deste 2009 estivo marcada pola expectativa da sentencia do Tribunal Constitucional sobre o “Estatut”. Na defensa do novo estatuto de Catalunya están todos os partidos políticos agás o PP. Os partidos defensores do referendado polo pobo catalán representan o 89 por cento do abano parlamentario catalán. As voces máis contundentes afirmaban: “un tribunal non pode resolver en contra dun dereito democrático, cal é a decisión soberana e maioritaria dun pobo”. No plano social o protagonismo foi para as manifestacións de obreiros do sector do automóbil afectados pola crise. Quixeron berrarlle á clase política que eles e outros coma eles son os que peor o están a pasar nesta crise da que aínda ben non se sabe cando nos vai deixar. Tamén tivo presenza nesta Diada o conflito palestino-israelí. Un grupo de propalestinos berráronlle á cantante israelita Noa, defensora e promotora de pontes de paz entre os dous pobos. Os berros foron silenciados en parte cos aplausos do propio público mentres Noa chamaba, en lingua catalá, á paz no Oriente próximo.

Na manifestación social e cívica que ten lugar pola tarde houbo presenza galega. A un grupo representante de diversas entidades cívico-políticas galegas en Catalunya, que marchaba coas bandeiras branquiazuis de estrela vermella, xuntóuselle outro de galegos chegados dende a asociación Aturuxo de Boiro cunha pancarta onde se podía ler: “Solidaritat Internacionalista. Galiza amb els Països Catalans” (ver foto adxunta). Formouse daquela unha grea dunhas 30 persoas que marcharon detrás da pancarta, representando o sentimento solidario e compartido de galegos e cataláns de sermos pobos con dereito a decidir o noso propio destino en función dos nosos intereses e as nosas necesidades. A manifestación que se encetara na praza Urquinaona baixou pola Ronda Sant Pere para rematar no Arc de Triomf. Aló un grupo, abofé que de coralistas, cantaba o himno catalán dos Segadors: “Catalunya triomfant tornará a ser rica i plena”, ao cal os galegos deberon engadir “só os ignorantes, e férridos e duros, imbéciles e escuros non nos entenden non”. Aos berros finais de “Visca Catalunya lliure” xuntáronselle desta vez os de: “Galiza ceive, poder popular”

A Micro Pechado é a publicación bimensual editada por Ergac. Accede a todos os números publicados dende o ano 2005.