Diada Nacional de Catalunya Outubro 15, 2009
Posted by admin in : Catalunya , trackbackPresenza Galega na manifestación da Diada de Catalunya 2009
(por Suso Mon)
No plano político a Diada deste 2009 estivo marcada pola expectativa da sentencia do Tribunal Constitucional sobre o “Estatut”. Na defensa do novo estatuto de Catalunya están todos os partidos políticos agás o PP. Os partidos defensores do referendado polo pobo catalán representan o 89 por cento do abano parlamentario catalán. As voces máis contundentes afirmaban: “un tribunal non pode resolver en contra dun dereito democrático, cal é a decisión soberana e maioritaria dun pobo”. No plano social o protagonismo foi para as manifestacións de obreiros do sector do automóbil afectados pola crise. Quixeron berrarlle á clase política que eles e outros coma eles son os que peor o están a pasar nesta crise da que aínda ben non se sabe cando nos vai deixar. Tamén tivo presenza nesta Diada o conflito palestino-israelí. Un grupo de propalestinos berráronlle á cantante israelita Noa, defensora e promotora de pontes de paz entre os dous pobos. Os berros foron silenciados en parte cos aplausos do propio público mentres Noa chamaba, en lingua catalá, á paz no Oriente próximo.

Na manifestación social e cívica que ten lugar pola tarde houbo presenza galega. A un grupo representante de diversas entidades cívico-políticas galegas en Catalunya, que marchaba coas bandeiras branquiazuis de estrela vermella, xuntóuselle outro de galegos chegados dende a asociación Aturuxo de Boiro cunha pancarta onde se podía ler: “Solidaritat Internacionalista. Galiza amb els Països Catalans” (ver foto adxunta). Formouse daquela unha grea dunhas 30 persoas que marcharon detrás da pancarta, representando o sentimento solidario e compartido de galegos e cataláns de sermos pobos con dereito a decidir o noso propio destino en función dos nosos intereses e as nosas necesidades. A manifestación que se encetara na praza Urquinaona baixou pola Ronda Sant Pere para rematar no Arc de Triomf. Aló un grupo, abofé que de coralistas, cantaba o himno catalán dos Segadors: “Catalunya triomfant tornará a ser rica i plena”, ao cal os galegos deberon engadir “só os ignorantes, e férridos e duros, imbéciles e escuros non nos entenden non”. Aos berros finais de “Visca Catalunya lliure” xuntáronselle desta vez os de: “Galiza ceive, poder popular”

A Micro Pechado é a publicación bimensual editada por Ergac. Accede a todos os números publicados dende o ano 2005.
Comentarios»
no comments yet - be the first?