Galiza... algo máis 

Sants3radio - 103.2 FM, Sábados de 17 a 18 h.

Emisión on-line: Sants3radio

Galiza. algo máis. (GAM) emítese en directo todos os sábados de 17h a 18h desde o barrrio de Sants, coa vontade de falar do que acontece no mundo empregando a lingua galega e cunha cosmovisión propia, a que fornece a condición galegocatalá dos seus condutores principais, Suso Mon e Martí Aviñoá. O espazo adoita incluír entrevistas relacionadas con temas de actualidade, así como seccións de novas políticas, sociais e culturais, ademais de música en galego. O programa naceu no ano 1994 en Radio Sants-Montjuïc baixo a dirección da galega Moncha Prieto, daquela tamén presidenta de ERGaC. En 1995 Moncha voltou a Galiza e deixou o programa en mans de Xosé M. Sancho e mais de Antón Fernández Escuredo, dous activistas culturais que mantiveron o espazo en antena durante case sete anos. No ano 2001 o GAM fixo unha pausa para voltar ás ondas no 2003, dirixido desta vez por Antón Fernández, en Sants 3 Ràdio, por entón unha incipiente emisora de barrio. Nese mesmo ano, incorporouse cunha sección literaria Suso Mon, quen asumiría uns meses despois a responsabilidade de conducir o espazo, trala marcha a Galiza do director do programa. Por esta época, xa formaba parte do plantel de locutores un dos máis fieis colaboradores do GAM nos últimos tempos, o produtor Martí Aviñoá. Dende entón, teñen participado no programa, física ou telefonicamente, centos de persoas con distintos graos de implicación. Tamén foron numerosos os acontecementos relevantes que foron cubertos de forma especial polo equipo do GAM, desde o desastre do Prestige ás diferentes convocatorias de Eleccións á Presidencia a Xunta de Galicia. O esforzo e a constancia do traballo voluntario foron recoñecidos no ano 2007 co segundo premio ao mellor programa de radio en galego feits na Galicia exterior, concedido pola Secretaría Xeral de Emigración. Mais a principal recompensa que obteñen os impulsores do programa é a estima dos seus oíntes e o feito de terense convertido no espazo radiofónico de referencia na radio en galego de Catalunya.


Voltar