Historia
Xuridicamente ERGaC constituíase en
asociación o día 22 de febreiro de 1993, cando a
Generalitat de Catalunya aprobaba os estatutos que lle foran
presentados. Mais ERGaC xa era coñecida polos galegos
residentes en Cataluña dende moito antes. A xente que daquela
andaba a facer radio en galego en diferentes emisoras considerou que
sería positivo xuntar todos os programas nunha
asociación, sen que por iso cada un deles perdese a súa
independencia e o seu estilo. Ao mesmo tempo, tentábase dar a
coñecer as múltiples actividades socioculturais xeradas
polas entidades galegas en Catalunya, dándolles unha unidade e
potenciándoas na medida do posible.
O obxectivo prioritario de ERGaC foi, e segue a ser, o espallamento da
cultura galega en Cataluña, onde residen tantas persoas
orixinarias de Galicia, moitas delas, galegos de segunda e terceira
xeración que precisan dun vieiro de comunicación que os
poña en contacto coas súas raíces e coa lingua. Moitos dos compoñentes da xuntanza constituínte de Ergac
xa non se adican ás tarefas radiofónicas pero forman e
han formar sempre parte deste eixe que nos move, a procura de que a
lingua e o espírito galegos non se murchen nunca nesta Catalunya
na que temos chantado o presente.
Xa deixamos atrás un curto, pero intenso pasado. Nese pasado
soan nomes de programas como A Nosa Terra, en Radio Florida
(Hospitalet) conducido por Paquita Álvarez; Galicia máis
cerca, en Radio Gramanet, a cargo de Moncha Prieto; Sempre en Galicia
en Radio Cornellà, dirixido por Ramón López, ou
programas como Galicia connosco de Ona Sants, Escoita Galicia de Radio
Llagosta ou Con Agarimo en Radio Llefiá.
|